Catálogo de patrimonio marítimo

Catálogo de Patrimonio Marítimo

A medida que o “turismo azul” se converte nun sector relevante da economía, a presión urbanística sobre as paisaxes e os ecosistemas costeiros aumenta. Este catálogo explora potenciais lugares, non coa finalidade do seu desenvolvemento inminente, senón co obxectivo de analizar exhaustivamente as súas características naturais, culturais e sociais para examinar a rede de posibilidades que presentan. “Patrimonio” e “marítimo” convértense en sinónimos de “cultura” e “ecosistemas”, concienciando así sobre as calidades delicadas e sensibles que perduran en territorios e paisaxes únicos. Como podemos abordar estes lugares, evitando ao mesmo tempo o impulso depredador do turismo e a economía que moitas veces acaba arrasando lugares cun enorme potencial? Esta publicación acompaña o Atlas de Boas Prácticas e examina en maior profundidade tanto as posibilidades coma os desafíos que suscita o desenvolvemento do turismo azul.

Esta publicación presenta o Catálogo e estudo do patrimonio e paisaxes atlánticos desde unha dimensión holística, coordinada pola Universidade do Porto no marco da iniciativa SEALabHaus — Nova BauHaus Atlántica Laboratorio para un Turismo Azul fermoso, sostible e inclusivo e a cultura do mar. SEALabHaus está financiada polo programa Interreg do Espazo Atlántico, e coordinada pola Universidade da Coruña. Reúne socios de Irlanda, Bretaña, Portugal e as illas Canarias. Reflicte un compromiso compartido para explorar as interseccións do patrimonio, a ecoloxía, e o turismo sostible ao longo dos territorios atlánticos. 

Os casos prácticos incluídos neste catálogo foron seleccionados co fin de representar un amplo espectro de patrimonio marítimo ao longo da rexión atlántica. Das moitas posibilidades propostas polos socios do proxecto, o equipo da Universidade do Porto seleccionou lugares que colectivamente engloban unha diversidade de tipos de patrimonio –natural, material e intanxible– ao tempo que reflicten diferentes períodos da ocupación humana e non humana dos territorios atlánticos. Iso inclúe desde características naturais como poden ser as colonias de algas e arrecifes bioxénicos ata lugares de extracción de recursos como salinas, pasando por vestixios da ocupación romana, marcas de navegación, infraestruturas militares e infraestruturas pesqueiras polivalentes contemporáneas a pequena escala.

Os casos prácticos elixidos —Skellig Michael en Irlanda, o porto de Lorient en Bretaña, a franxa O Freixo-Broña do Plan de Cultura Marítima de Galicia en Galicia, Angeiras en Portugal, e Costa de Arinaga nas illas Canarias— exemplifican a variedade de formas de patrimonio e as capas temporais presentes na rexión atlántica. Cada caso presenta unha combinación única de tipos de patrimonio, ilustrando deste modo as moitas formas nas que as comunidades interactúan con, se adaptan a e conservan o contorno costeiro atlántico.

Ao longo desta publicación, o Catálogo de Patrimonio Marítimo proporciona unha visión de conxunto dos lugares de patrimonio marítimo atlántico seleccionados. Preséntanse como paisaxes vivas onde conviven os valores históricos, culturais e naturais. O catálogo ofrécese tanto en versión impresa coma en formato dixital, o que permite unha maior difusión e garantir que os contidos poidan ser aproveitados por distintos públicos, desde investigadores e responsables políticos a actores e profesionais locais.  Ao documentar as características materiais e intanxibles destes lugares e situalos dentro dos seus contextos culturais e ecolóxicos máis amplos, o catálogo promove unha comprensión holística do patrimonio e da súa xestión.

Finalmente, o catálogo pretende ir alén dunha fonte de referencia e ofrecer apoio práctico para o traballo en curso de SEALabHaus. O Compás NEB —unha ferramenta para analizar proxectos de acordo cos valores da Nova Bauhaus Europea (NEB), que tamén inclúe a avaliación dos niveis de ambición e indicacións para que os proxectos activen o cambio     —permite que os casos prácticos funcionen como campo de probas da sostibilidade, inclusividade e as calidades estéticas. Servirá como material fundacional para actividades de formación e de base para a implementación dos proxectos piloto contemplados no marco do proxecto, traducindo en accións tanxibles o aprendido na investigación. Con iso, a publicación ponse ao servizo dos obxectivos máis amplos de fomentar enfoques sostibles, inclusivos e fundamentados esteticamente con respecto ao patrimonio marítimo e o turismo azul ao tempo que se promove a colaboración interterritorial e o intercambio de coñecemento ao longo da rexión atlántica europea.

Diego Inglez de Souza e André Tavares